Por que facer o curso de “Organización de proxectos de instalacións solares térmicas”?

Do 13 de xullo ao 20 de novembro de 2015 desenvolverase en Compostela o curso AFD  “Organización de proxectos de instalacións solares térmicas” (648 h.), xestionado pola Área de Emprego do Concello de Santiago. O martes 30 de xuño realizouse un primeiro proceso de selección do alumnado e aínda quedan prazas vacantes. Se estás interesado/a acude o antes posible ás oficinas da Axencia Local de Colocación do Concello de Santiago de Compostela (Edificio Cersia, San Lázaro).

É necesario cumprir ALGÚN dos seguintes requisitos de acceso:
– Bacharelato LOE / Bacharelato LOGSE /COU
– Ter superado as competencias clave de nivel 3
– Ter cursado algún certificado de nivel 2 Enerxía e Auga

Para que serve o curso?

A necesidade de aforrar enerxía e garantir o funcionamento adecuado das instalacións, require un esforzo continuado no mantemento e renovación de equipos por outros máis eficientes. Isto conséguese cunha xestión da enerxía adecuada nos edificios e require unha análise do consumo de enerxía do edificio, unha proposta de medidas de aforro e eficiencia, a fixación de obxectivos de aforro, a realización dun mantemento adecuado, etc.solar

Polo tanto, é necesario formar profesionais especializados no deseño de instalacións eficientes de auga quente sanitaria, calefacción e calor de proceso con enerxía solar, tanto para o sector residencial, terciario e o sector industrial, onde hai unha gran falta de profesionais capacitados.

Coa realización deste Certificado de profesionalidade os alumnos estarán capacitados para promover instalacións, desenvolver proxectos e xestionar a montaxe e mantemento de sistemas solares térmicos controlando os resultados obtidos a través da aplicación das técnicas e procedementos necesarios en cada caso, optimizando os recursos humanos e os medios dispoñibles, coa calidade requirida, de conformidade coas normas vixentes e as condicións de seguridade.

Desenvolvendo a súa actividade en pequenas, medianas e grandes empresas, públicas ou privadas, dedicadas a realizar a montaxe, operación e mantemento de sistemas solares térmicos para a produción de quente sanitaria ou para apoiar o calefacción e outros usos da auga. Ocupando os seguintes postos:

  • Promotor/a de instalacións solares.
  • Deseño de instalacións solares térmicas.
  • Responsable da montaxe de instalacións solares térmicas.
  • Responsable do mantemento de instalacións solares térmicas.

A realización deste Certificado de Profesionalidade garante o nivel de coñecemento esixido para obter a licenza profesional de instalacións térmicas de edificios, de acordo co disposto no Real Decreto 1027/2007, de 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de Instalacións Térmicas nos Edificios (RITE).

O perfil dos alumnos para este Certificado corresponde cun nivel de estudios de bacharelato ou equivalente, ou experiencia profesional relacionada coa montaxe de instalacións térmicas de edificios.

Próximos cursos AFD 2015 en Santiago de Compostela

Concello de Santiago de Compostela

  • Operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas (238 h.). Código ELEE0108. Nivel 1.
  • Operacións de fontanería e calefacción-climatización doméstica  (498 h.). Código IMAI0108. Nivel 1.
  • Organización e proxectos de instalacións solares térmicas (648 h.). Código ENAE0308. Nivel 3.

Santa Apolonia, S.L.

  • Recepción en aloxamentos (648 h.). Código HOTA0308. Nivel 3

Sociedade de Ensino Tecnolóxico, S.L.

  • Operacións auxiliares de montaxe e mantemento de sistemas microinformáticos (388 h.). Código IFCT0108. Nivel  1

Academia Forhermo

  • Perruquería (728 h.) Código IMPQ0208. Nivel 2.

 Bartumeu López, S.L.

  • Seguridade Informática (518 h.). Código  IFCT0109. Nivel 3. Data prevista de inicio: 01-07-2015
  • Xestión contable e xestión administrativa para auditoría (648 h.).  Código ADGD0108. Nivel  3. Data prevista de inicio: 26-06-2015

Centro Formación Prisma, S.L.

  • Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais (448 h.). Código ADGG0408. Nivel 1.

Cefiasa Santiago

  • Marketing e compravenda internacional (768 h.). Código COMM0110. Nivel 3
  • Creación e xestión de microempresas (538 h.). Código ADGD0210. Nivel 3.

 Quelqum Servicios para Empresas

  • Administración e programación en sistemas de planificación de recursos (668 h.). Código IFCT0610. Nivel 3
  • Creación e xestión de microempresas (538 h.). Código ADGD0210. Nivel 3

Reyblanc Centros de Formación, S.L.

  • Docencia da formación profesional para o emprego (398 h.). Código SSCE0110. Nivel 3
  • Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais (448 h.). Código ADGG0408. Nivel 3

Centro integrado de Formación Profesional de Santiago

  • Traballos de carpintaría e moble (378 h.). Código MAMD0209. Nivel 1. Data prevista de inicio: 15-09-2015
  • Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes (288 h.). Código AGAR0309. Nivel 1. Data prevista de inicio: 22-09-2015
  • Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintaría e moble (288 h.). Código  (288 h.). Código MAMD0109. Nivel 1. Data prevista de inicio: 30-09-2015
  • Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría (348 h.). Código AGAO0108. Nivel 1. Data prevista de inicio: 10-09-2015

Listaxe completa dos cursos programados na provincia da Coruña: http://traballo.xunta.es/export/sites/default/Biblioteca/Documentos/Contidos_Estandar/formacion_e_cualificacions/afd/afd2015-Coruna.pdf

CURSOS afd

A rede CeMIT, en convenio coa Axencia Local de Colocación, impulsa a iniciativa de formación “Faite dixit@l”

A rede CeMIT , en convenio coa Axencia Local de Colocación, vai comezar a iniciativa “Faite dixit@l” na aula CeMIT de Santiago de Compostela, situada nas nosas instalacións. Esta iniciativa está composta por diversas actividades formativas de nivel medio durante os meses de outubro e novembro de 2014 e xaneiro de 2015 http://cemit.xunta.es/gl/node/5992

Cursos de formación:

Identidade dixital, administración electrónica (32 horas; do 12 ao 22 de xaneiro de 2015)  http://cemit.xunta.es/actividade/11094

Configuración de dispositivos e uso de aplicacións móbiles (24 horas; do 6 ao 14 de outubro de 2014)  http://cemit.xunta.es/actividade/10968

Programación para dispositivos móbiles (32 horas; do 15 ao 28 de outubro de 2014) http://cemit.xunta.es/actividade/11089

Marca persoal (24 horas; do 29 de outubro ao 6 de novembro de 2014) http://cemit.xunta.es/actividade/11093

SUBVENCIÓNS PARA O FINANCIAMENTO DAS BOLSAS ÁS PERSOAS NOVAS QUE REALIZAN PRÁCTICAS NON LABORAIS EN EMPRESAS DA ZONA URBANA NORTE DE COMPOSTELA

Bases convocatoria de subvencións a empresas privadas para o financiamento de bolsas para o acceso a persoal especializado como vía de mellora da competitividade (BOP da Coruña, nº 112, do 13 de xuño de 2014)

Obxectivo

O obxectivo é dotar ás persoas novas con cualificación de experiencia laboral co fin de facilitar a súa inserción.

A convocatoria está dirixida a todas as empresas privadas da zona de actuación do Urbana Santiago Norte co fin de que poidan ofrecer prácticas non laborais a persoas novas en situación de desemprego, que estean rexistradas na oficina de emprego, que teñan entre 18 e 25 anos e que posúan unha titulación universitaria, titulación de formación profesional, de grao medio ou superior, ou titulación do mesmo nivel que o desta última, correspondente ás ensinanzas de formación profesional, artísticas ou deportivas, ou ben un certificado de profesionalidade.

Prácticas en empresas para mozos e mozas

As persoas novas desempregadas que cumpran os requisitos especificados no punto anterior teñen a posibilidade de realizar prácticas non laborais en empresas. As axudas ás empresas poderán ser:

  • Para ás empresas que subscriban convenio de prácticas con persoas novas de titulación universitaria, por un importe de 4.000,00 € para un período de 5 meses (800 €/mes) ou por importe proporcional aos meses de duración para períodos nunca inferiores a 3 meses
  • Para ás empresas que subscriban convenio de prácticas con persoas novas de titulación de Ciclos de FP ou Certificados de Profesionalidade, por un importe de 3.500 € para un período de 5 meses (700 €/mes) ou por importe proporcional aos meses de duración para períodos nunca inferiores a 3 meses

A subvención máxima por empresa será de 12.000 €

As empresas en que se desenvolvan as prácticas aboarán ás persoas participantes, en concepto de bolsa de apoio, os seguintes importes:

  • Para as persoas con titulación universitaria, de 765,94 € ao mes, tendo dereito a que a empresa receptora cotice por elas (40,56 €, dos que 6,05 € corresponden á persoa traballadora) nos termos regulados no Real Decreto 1493/2011, do 24 de outubro (BOE do 27 de outubro de 2011)
  • Para as persoas con titulación de Ciclos de  FP ou Certificados de Profesionalidade, de 665,94 € ao mes, tendo dereito a que a empresa receptora cotice por elas (40,56 €, dos que 6,05 € corresponden á persoa traballadora) nos termos regulados no Real Decreto 1493/2011, do 24 de outubro (BOE do 27 de outubro de 2011)

Duración

A duración das prácticas non laborais oscilará entre os 3 e 5 meses, con data límite de finalización do 30 de novembro de 2014.

 Empresas beneficiarias

Nesta convocatoria poderán participar todas as empresas privadas da zona de actuación de Urbana Santiago Norte, sexa cal sexa a súa forma xurídica e sector económico, que compran os seguintes requisitos:

a) Ter a sede social ou centro de traballo na zona de actuación Urbana Santiago Norte (listado de rúas: Anexo I).

b) Que a data de alta deberá ser anterior á data de publicación desta convocatoria no BOP.

c) Asumir o compromiso de non extinguir contratos laborais vixentes da mesma titulación ou do persoal que veña realizando traballos similares ós que levará a cabo o bolseiro. Para este efecto, poderáselle requirir á empresa en calquera momento a documentación acreditativa do cumprimento deste requisito.

d) Non despedir de forma improcedente a ningún traballador da mesma titulación ou persoa que ocupe un posto similar nos seis meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

e) Deseñar un proxecto ou programa formativo de prácticas non laborais por medio do cal os titulados universitarios e os dos ciclos de Formación Profesional poidan adquirir competencias para o exercicio de actividades profesionais que faciliten a súa empregabilidade.

f) Ter subscrito o Convenio de Colaboración ca Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de prácticas non laborais, previsto no Real Decreto 1543/2011, do 31 de outubro, polo que se regulan as prácticas non laborais en empresas (BOE Nº 278, do 18/11/2011).

g) Dispoñer de persoal cualificado que se encargue de exercer as funcións de titor e asumir a formación práctica do/a bolseiro/a.

h) Dispor dos medios técnicos necesarios para que o/a bolseiro/a desempeñe as súas tarefas.

Prazo de presentación de solicitudes

Do 14 de xuño ao 15 de xullo de 2014

Solicitudes

As solicitudes , dirixiranse á Consellería de Emprego do Concello de Santiago, e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello (rúa Presidente Salvador Allende, 4), nalgún dos seus rexistros auxiliares (Edificio Administrativo CERSIA, rúa Alcalde Raimundo López Pol, s/n e rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16) ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/92 de réxime xurídico e procedemento administrativo común. A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a. Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude.

b. Copia compulsada ou cotexada do NIF da entidade.

c. Estatutos ou normas debidamente legalizadas polas que se rexe a entidade.

d. Acreditación documental de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia; e o Concello de Santiago

e. Acreditación do cumplimento dos requisitos da Base Segunda da convocatoria. Os apartados a), b),c), d), e), g) e h), a través de declaración responsable e o apartado f) a través de copia compulsada do documento.

Máis información:

Axencia Local de Colocación
Rúa Alcalde Raimundo López Pol, s/n, San Lázaro
Santiago de Compostela
Teléfono: 981 543 060

axencialocaldecolocacion@santiagodecompostela.org 

www.axencialocaldecolocacion.org

 

Datos do paro en febreiro: Santiago de Compostela, Comarca e Provincia da Coruña

O paro rexistrado no Concello de Santiago de Compostela descendeu no mes de febreiro un 1,06% con respecto ao mes anterior (99 desempregados/as menos), sendo 9.232 as persoas inscritas como demandantes de emprego. En canto á variación interanual, atendendo aos datos do mes de febreiro de 2013 (9.887 desempregados/as), rexistrouse un descenso do 6,62%.

Segundo a distribución por sexos o número de mulleres inscritas como demandantes de emprego é lixeiramente superior ao de homes (o 51,52% fronte ao 48,28%). A franxa de idade máis afectada polo desemprego en ambos sexos, é a dos 30 aos 39 anos (en total supoñen case o 30% das persoas rexistradas como desempregadas).

A evolución do paro rexistrado na Comarca de Santiago de Compostela amosa unha redución do desemprego en 178 persoas con respecto ao mes anterior, o que supón un descenso do 1,12% (de15.853 a 15.675 persoas inscritas no paro), porcentaxe similar á da cidade de Compostela. En canto aos datos globais da Provincia da Coruña o descenso do número de persoas desempregadas é do 0,37% con respecto ao mes de xaneiro (de 109.813 a 109.407 persoas rexistradas), mentres que a variación interanual supón unha redución do desemprego nun  5,38%.

Pódense consultar os datos completos do paro e a súa evolución en todos os Concellos da Provincia da Coruña na seguinte táboa: Paro Concellos – Provincia da Coruña – Febreiro 2014.

Como organizas a túa busca de emprego?

A busca activa de emprego implica o manexo dunha enorme cantidade de información, polo que para manter un control ordenado sobre o proceso de busca é preciso organizar os nosos recursos e planificar as accións que desenvolvemos. Deste modo usaremos de xeito máis eficiente o tempo dedicado a procurar traballo, ademais de poder avaliar os resultados obtidos e o noso propio método de busca.

Axenda para a Busca de Emprego

Unha ferramenta clásica para organizar as nosas actividades en diferentes ámbitos, tamén na procura de emprego é a Axenda, sexa en formato físico, electrónico ou online. Na rede pódense atopar diversos modelos de Axenda especificamente dirixidos á busca de emprego, desde exemplos concretos ata propostas máis orientativas.

Imaxe

En calquera caso non existe un modelo ideal de Axenda, en canto que para converterse nunha ferramenta útil debe ser o máis personalizada e práctica posible en función das nosas necesidades. Por ese motivo os contidos dunha Axenda poden ser moi variados: planificación de actividades (a nivel semanal, mensual…), realización das mesmas (inscrición en portais de emprego, ofertas, visitas a empresas, actualización do CV, presenza en redes sociais,…) e seguimento de resultados; rexistro de recursos para a formación e o emprego, contactos, etc.

O deseño da nosa propia Axenda implica un pequeno sacrificio de tempo a nivel inicial se procuramos un formato personalizado e flexible, mais pronto se ve recompensado pola optimización do tempo que implica a organización das nosas informacións e accións. Mais se preferimos evitar ese traballo pode resultarnos moi útil usar algún modelo online de Axenda para a busca activa de emprego.

Aplicacións para organizar a busca de emprego

Máis alá das versións clásicas de Axenda nos seus diferentes formatos, na actualidade podemos utilizar diversas aplicacións de carácter gratuíto dirixidas a facilitar a organización e a xestión da información que manexamos a nivel xeral. Por iso, a efectos prácticos, podemos ter unha ferramenta moi útil para planificar unha busca ordenada de emprego que ademais nos permitirá organizar outros ámbitos e actividades da nosa vida se así o desexamos

Neste sentido a ferramenta máis coñecida e valorada a día de hoxe é Evernote, que conta con múltiples funcionalidades e permite: almacenar (documentos en diferentes formatos, imaxes, enlaces webs, anotacións persoais,…), ordenar, facilitar a busca, embrar información, datas, etc. Todos os nosos contidos estarían así organizados e dispoñibles en calquera dispositivo con conexión a internet.

Como alternativa a Evernote hai outras aplicacións que se poden utilizar para a organizar a información, e que nos poden resultar útiles para a busca de emprego, como Google KeepSpringpadSimplenoteMemonicNotesync ou Pinfolio.