Datos do paro en febreiro: Santiago de Compostela, Comarca e Provincia da Coruña

O paro rexistrado no Concello de Santiago de Compostela descendeu no mes de febreiro un 1,06% con respecto ao mes anterior (99 desempregados/as menos), sendo 9.232 as persoas inscritas como demandantes de emprego. En canto á variación interanual, atendendo aos datos do mes de febreiro de 2013 (9.887 desempregados/as), rexistrouse un descenso do 6,62%.

Segundo a distribución por sexos o número de mulleres inscritas como demandantes de emprego é lixeiramente superior ao de homes (o 51,52% fronte ao 48,28%). A franxa de idade máis afectada polo desemprego en ambos sexos, é a dos 30 aos 39 anos (en total supoñen case o 30% das persoas rexistradas como desempregadas).

A evolución do paro rexistrado na Comarca de Santiago de Compostela amosa unha redución do desemprego en 178 persoas con respecto ao mes anterior, o que supón un descenso do 1,12% (de15.853 a 15.675 persoas inscritas no paro), porcentaxe similar á da cidade de Compostela. En canto aos datos globais da Provincia da Coruña o descenso do número de persoas desempregadas é do 0,37% con respecto ao mes de xaneiro (de 109.813 a 109.407 persoas rexistradas), mentres que a variación interanual supón unha redución do desemprego nun  5,38%.

Pódense consultar os datos completos do paro e a súa evolución en todos os Concellos da Provincia da Coruña na seguinte táboa: Paro Concellos – Provincia da Coruña – Febreiro 2014.