SUBVENCIÓNS PARA O FINANCIAMENTO DAS BOLSAS ÁS PERSOAS NOVAS QUE REALIZAN PRÁCTICAS NON LABORAIS EN EMPRESAS DA ZONA URBANA NORTE DE COMPOSTELA

Bases convocatoria de subvencións a empresas privadas para o financiamento de bolsas para o acceso a persoal especializado como vía de mellora da competitividade (BOP da Coruña, nº 112, do 13 de xuño de 2014)

Obxectivo

O obxectivo é dotar ás persoas novas con cualificación de experiencia laboral co fin de facilitar a súa inserción.

A convocatoria está dirixida a todas as empresas privadas da zona de actuación do Urbana Santiago Norte co fin de que poidan ofrecer prácticas non laborais a persoas novas en situación de desemprego, que estean rexistradas na oficina de emprego, que teñan entre 18 e 25 anos e que posúan unha titulación universitaria, titulación de formación profesional, de grao medio ou superior, ou titulación do mesmo nivel que o desta última, correspondente ás ensinanzas de formación profesional, artísticas ou deportivas, ou ben un certificado de profesionalidade.

Prácticas en empresas para mozos e mozas

As persoas novas desempregadas que cumpran os requisitos especificados no punto anterior teñen a posibilidade de realizar prácticas non laborais en empresas. As axudas ás empresas poderán ser:

  • Para ás empresas que subscriban convenio de prácticas con persoas novas de titulación universitaria, por un importe de 4.000,00 € para un período de 5 meses (800 €/mes) ou por importe proporcional aos meses de duración para períodos nunca inferiores a 3 meses
  • Para ás empresas que subscriban convenio de prácticas con persoas novas de titulación de Ciclos de FP ou Certificados de Profesionalidade, por un importe de 3.500 € para un período de 5 meses (700 €/mes) ou por importe proporcional aos meses de duración para períodos nunca inferiores a 3 meses

A subvención máxima por empresa será de 12.000 €

As empresas en que se desenvolvan as prácticas aboarán ás persoas participantes, en concepto de bolsa de apoio, os seguintes importes:

  • Para as persoas con titulación universitaria, de 765,94 € ao mes, tendo dereito a que a empresa receptora cotice por elas (40,56 €, dos que 6,05 € corresponden á persoa traballadora) nos termos regulados no Real Decreto 1493/2011, do 24 de outubro (BOE do 27 de outubro de 2011)
  • Para as persoas con titulación de Ciclos de  FP ou Certificados de Profesionalidade, de 665,94 € ao mes, tendo dereito a que a empresa receptora cotice por elas (40,56 €, dos que 6,05 € corresponden á persoa traballadora) nos termos regulados no Real Decreto 1493/2011, do 24 de outubro (BOE do 27 de outubro de 2011)

Duración

A duración das prácticas non laborais oscilará entre os 3 e 5 meses, con data límite de finalización do 30 de novembro de 2014.

 Empresas beneficiarias

Nesta convocatoria poderán participar todas as empresas privadas da zona de actuación de Urbana Santiago Norte, sexa cal sexa a súa forma xurídica e sector económico, que compran os seguintes requisitos:

a) Ter a sede social ou centro de traballo na zona de actuación Urbana Santiago Norte (listado de rúas: Anexo I).

b) Que a data de alta deberá ser anterior á data de publicación desta convocatoria no BOP.

c) Asumir o compromiso de non extinguir contratos laborais vixentes da mesma titulación ou do persoal que veña realizando traballos similares ós que levará a cabo o bolseiro. Para este efecto, poderáselle requirir á empresa en calquera momento a documentación acreditativa do cumprimento deste requisito.

d) Non despedir de forma improcedente a ningún traballador da mesma titulación ou persoa que ocupe un posto similar nos seis meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

e) Deseñar un proxecto ou programa formativo de prácticas non laborais por medio do cal os titulados universitarios e os dos ciclos de Formación Profesional poidan adquirir competencias para o exercicio de actividades profesionais que faciliten a súa empregabilidade.

f) Ter subscrito o Convenio de Colaboración ca Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de prácticas non laborais, previsto no Real Decreto 1543/2011, do 31 de outubro, polo que se regulan as prácticas non laborais en empresas (BOE Nº 278, do 18/11/2011).

g) Dispoñer de persoal cualificado que se encargue de exercer as funcións de titor e asumir a formación práctica do/a bolseiro/a.

h) Dispor dos medios técnicos necesarios para que o/a bolseiro/a desempeñe as súas tarefas.

Prazo de presentación de solicitudes

Do 14 de xuño ao 15 de xullo de 2014

Solicitudes

As solicitudes , dirixiranse á Consellería de Emprego do Concello de Santiago, e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello (rúa Presidente Salvador Allende, 4), nalgún dos seus rexistros auxiliares (Edificio Administrativo CERSIA, rúa Alcalde Raimundo López Pol, s/n e rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16) ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/92 de réxime xurídico e procedemento administrativo común. A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a. Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude.

b. Copia compulsada ou cotexada do NIF da entidade.

c. Estatutos ou normas debidamente legalizadas polas que se rexe a entidade.

d. Acreditación documental de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia; e o Concello de Santiago

e. Acreditación do cumplimento dos requisitos da Base Segunda da convocatoria. Os apartados a), b),c), d), e), g) e h), a través de declaración responsable e o apartado f) a través de copia compulsada do documento.

Máis información:

Axencia Local de Colocación
Rúa Alcalde Raimundo López Pol, s/n, San Lázaro
Santiago de Compostela
Teléfono: 981 543 060

axencialocaldecolocacion@santiagodecompostela.org 

www.axencialocaldecolocacion.org

 

Anuncios