Convocados cursos gratuítos para a preparación dos certificados de lingua galega (Celga)

Imaxe

Hoxe publicouse no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga). Estes cursos, de carácter gratuíto, impartiranse nas escolas oficiais de idiomas de Galicia entre os meses de marzo e maio de 2014. Cómpre lembrar que nos últimos 3 anos as probas convocáronse para o mes de de xuño, polo que os exames serían ao pouco tempo de acabar o curso.

Tamén é posible preparar as probas oficiais por libre, tendo en conta o programa establecido para o nivel de competencia que se pretenda demostrar. Ademais, na web da Xunta de Galicia están dispoñibles modelos de exame e materiais de axuda para a prepración de cada un dos Celga.

As datas e horarios previstos dos cursos preparatorios pódense consultar no anexo II da convocatoriaO prazo de presentación de solicitudes finaliza o 7 de marzo de 2014.

Boletíns semanais de ofertas para a busca de emprego

boletín

Os boletíns de ofertas de emprego son documentos nos que se recompila información sobre oportunidades de emprego, publicadas orixinalmente  noutros medios, nun período de tempo determinado. O valor principal dun boletín de ofertas na busca de emprego está relacionado coa comodidade que supón acceder a diversas fontes de información mediante a consulta dun único recurso.

A continuación sinalamos varios boletíns, de publicación semanal, que poden ser de interese para quen estea en busca activa de emprego:

  • O boletín de ofertas que realizamos na Axencia Local de Colocación do Concello de Santiago de Compostela.  Este boletín publícase todos os luns con información sobre ofertas de emprego (públicas e privadas), bolsas e novas destacadas sobre a Comarca de Santiago e Galicia fundamentalmente, mais abarcando tamén o ámbito estatal e internacional.
  • Desde o proxecto ILES do Concello de Pontevedra realízase un boletín no se que atende a diversas cuestións relacionadas co emprego (ofertas, formación, etc.), prestándose unha atención especial á provincia de Pontevedra.
  • A Confederación de Empresarios de Galicia publica un boletín con ofertas extraídas de diversos xornais.
  • A Fundación Amigos de Galicia elabora un boletín con ofertas de emprego recompiladas de portais webs, xornais, etc.
  • O boletín de ofertas de emprego público que difunde o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, no que se inclúen convocatorias da Administración Xeral do Estado, das Comunidades Autónomas, da Unión Europea, de Organismos Internacionais e de determinados anuncios da Administración Local que se publicasen no BOE.

En calquera caso, a pesar da utilidade dos boletíns para facilitar unha revisión das oportunidades de emprego existentes, convén ter en conta que non garanten a exhaustividade (por moi completo que sexa un boletín dificilmente chegará a reunir todas as ofertas publicadas noutros medios) e son documentos non personalizados (trátase dunha recompilación xeral de ofertas, polo que seguramente moitas delas non se axusten ao teu perfil ou intereses). Tamén é preciso lembrar que os boletíns máis útiles serán aqueles que recollan as ofertas máis próximas no tempo á data de publicación do propio boletín, co obxecto de evitar a difusión de información desactualizada.

En definitiva, sinalados estes aspectos problemáticos,  convén recalcar que na busca de emprego un boletín de ofertas debe ser considerado como unha fonte complementaria, nunca a única nin a principal. O ideal é realizar unha boa selección de fontes para ter unha información exhaustiva, personalizada, útil e actualizada que facilite a nosa busca de emprego. Esta é unha tarefa fundamental que esixe unha permanente actualización de ditas fontes información, ademais de coñecer o uso de novas ferramentas informáticas que faciliten a súa xestión.