Datos do paro en febreiro: Santiago de Compostela, Comarca e Provincia da Coruña

O paro rexistrado no Concello de Santiago de Compostela descendeu no mes de febreiro un 1,06% con respecto ao mes anterior (99 desempregados/as menos), sendo 9.232 as persoas inscritas como demandantes de emprego. En canto á variación interanual, atendendo aos datos do mes de febreiro de 2013 (9.887 desempregados/as), rexistrouse un descenso do 6,62%.

Segundo a distribución por sexos o número de mulleres inscritas como demandantes de emprego é lixeiramente superior ao de homes (o 51,52% fronte ao 48,28%). A franxa de idade máis afectada polo desemprego en ambos sexos, é a dos 30 aos 39 anos (en total supoñen case o 30% das persoas rexistradas como desempregadas).

A evolución do paro rexistrado na Comarca de Santiago de Compostela amosa unha redución do desemprego en 178 persoas con respecto ao mes anterior, o que supón un descenso do 1,12% (de15.853 a 15.675 persoas inscritas no paro), porcentaxe similar á da cidade de Compostela. En canto aos datos globais da Provincia da Coruña o descenso do número de persoas desempregadas é do 0,37% con respecto ao mes de xaneiro (de 109.813 a 109.407 persoas rexistradas), mentres que a variación interanual supón unha redución do desemprego nun  5,38%.

Pódense consultar os datos completos do paro e a súa evolución en todos os Concellos da Provincia da Coruña na seguinte táboa: Paro Concellos – Provincia da Coruña – Febreiro 2014.

Como organizas a túa busca de emprego?

A busca activa de emprego implica o manexo dunha enorme cantidade de información, polo que para manter un control ordenado sobre o proceso de busca é preciso organizar os nosos recursos e planificar as accións que desenvolvemos. Deste modo usaremos de xeito máis eficiente o tempo dedicado a procurar traballo, ademais de poder avaliar os resultados obtidos e o noso propio método de busca.

Axenda para a Busca de Emprego

Unha ferramenta clásica para organizar as nosas actividades en diferentes ámbitos, tamén na procura de emprego é a Axenda, sexa en formato físico, electrónico ou online. Na rede pódense atopar diversos modelos de Axenda especificamente dirixidos á busca de emprego, desde exemplos concretos ata propostas máis orientativas.

Imaxe

En calquera caso non existe un modelo ideal de Axenda, en canto que para converterse nunha ferramenta útil debe ser o máis personalizada e práctica posible en función das nosas necesidades. Por ese motivo os contidos dunha Axenda poden ser moi variados: planificación de actividades (a nivel semanal, mensual…), realización das mesmas (inscrición en portais de emprego, ofertas, visitas a empresas, actualización do CV, presenza en redes sociais,…) e seguimento de resultados; rexistro de recursos para a formación e o emprego, contactos, etc.

O deseño da nosa propia Axenda implica un pequeno sacrificio de tempo a nivel inicial se procuramos un formato personalizado e flexible, mais pronto se ve recompensado pola optimización do tempo que implica a organización das nosas informacións e accións. Mais se preferimos evitar ese traballo pode resultarnos moi útil usar algún modelo online de Axenda para a busca activa de emprego.

Aplicacións para organizar a busca de emprego

Máis alá das versións clásicas de Axenda nos seus diferentes formatos, na actualidade podemos utilizar diversas aplicacións de carácter gratuíto dirixidas a facilitar a organización e a xestión da información que manexamos a nivel xeral. Por iso, a efectos prácticos, podemos ter unha ferramenta moi útil para planificar unha busca ordenada de emprego que ademais nos permitirá organizar outros ámbitos e actividades da nosa vida se así o desexamos

Neste sentido a ferramenta máis coñecida e valorada a día de hoxe é Evernote, que conta con múltiples funcionalidades e permite: almacenar (documentos en diferentes formatos, imaxes, enlaces webs, anotacións persoais,…), ordenar, facilitar a busca, embrar información, datas, etc. Todos os nosos contidos estarían así organizados e dispoñibles en calquera dispositivo con conexión a internet.

Como alternativa a Evernote hai outras aplicacións que se poden utilizar para a organizar a información, e que nos poden resultar útiles para a busca de emprego, como Google KeepSpringpadSimplenoteMemonicNotesync ou Pinfolio.

Boletíns semanais de ofertas para a busca de emprego

boletín

Os boletíns de ofertas de emprego son documentos nos que se recompila información sobre oportunidades de emprego, publicadas orixinalmente  noutros medios, nun período de tempo determinado. O valor principal dun boletín de ofertas na busca de emprego está relacionado coa comodidade que supón acceder a diversas fontes de información mediante a consulta dun único recurso.

A continuación sinalamos varios boletíns, de publicación semanal, que poden ser de interese para quen estea en busca activa de emprego:

  • O boletín de ofertas que realizamos na Axencia Local de Colocación do Concello de Santiago de Compostela.  Este boletín publícase todos os luns con información sobre ofertas de emprego (públicas e privadas), bolsas e novas destacadas sobre a Comarca de Santiago e Galicia fundamentalmente, mais abarcando tamén o ámbito estatal e internacional.
  • Desde o proxecto ILES do Concello de Pontevedra realízase un boletín no se que atende a diversas cuestións relacionadas co emprego (ofertas, formación, etc.), prestándose unha atención especial á provincia de Pontevedra.
  • A Confederación de Empresarios de Galicia publica un boletín con ofertas extraídas de diversos xornais.
  • A Fundación Amigos de Galicia elabora un boletín con ofertas de emprego recompiladas de portais webs, xornais, etc.
  • O boletín de ofertas de emprego público que difunde o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, no que se inclúen convocatorias da Administración Xeral do Estado, das Comunidades Autónomas, da Unión Europea, de Organismos Internacionais e de determinados anuncios da Administración Local que se publicasen no BOE.

En calquera caso, a pesar da utilidade dos boletíns para facilitar unha revisión das oportunidades de emprego existentes, convén ter en conta que non garanten a exhaustividade (por moi completo que sexa un boletín dificilmente chegará a reunir todas as ofertas publicadas noutros medios) e son documentos non personalizados (trátase dunha recompilación xeral de ofertas, polo que seguramente moitas delas non se axusten ao teu perfil ou intereses). Tamén é preciso lembrar que os boletíns máis útiles serán aqueles que recollan as ofertas máis próximas no tempo á data de publicación do propio boletín, co obxecto de evitar a difusión de información desactualizada.

En definitiva, sinalados estes aspectos problemáticos,  convén recalcar que na busca de emprego un boletín de ofertas debe ser considerado como unha fonte complementaria, nunca a única nin a principal. O ideal é realizar unha boa selección de fontes para ter unha información exhaustiva, personalizada, útil e actualizada que facilite a nosa busca de emprego. Esta é unha tarefa fundamental que esixe unha permanente actualización de ditas fontes información, ademais de coñecer o uso de novas ferramentas informáticas que faciliten a súa xestión.